A Xunta recibe cinco ofertas para construír 11 novas vivendas públicas na rúa Rei Abdullah da Coruña

ACoruñaXa
Este proxecto súmase ao compromiso do Goberno galego por ampliar o parque de vivendas públicas na cidade
abdullah-vivenda
11 Jul 2025

A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), dependente da Xunta, recibiu cinco propostas para a contratación da redacción dos proxectos básico e de execución, así como a dirección de obra, para a construción de 11 vivendas de promoción pública na rúa Rei Abdullah s/n, na Praza Porticada da Coruña. O orzamento destinado a esta fase rolda os 100.000 euros, mentres que o investimento total para a actuación é de case 2 millóns de euros.

Este proxecto súmase ao compromiso do Goberno galego por ampliar o parque de vivendas públicas na cidade, onde xa están en marcha 210 fogares. Destacan os edificios construídos nos solos cedidos polo Concello na mesma rúa Rei Abdullah, nos Rosais e en Pedro Fernández, xunto coas 104 vivendas públicas no barrio de Xuxán e as rehabilitacións de inmobles dentro do programa Rexurbe.

Ademais, a Xunta desenvolve a primeira fase da Estratexia Galega de Solo Residencial, que en colaboración cos concellos busca facilitar solo para a construción de 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas e 5.000 libres. Na Coruña está en redacción o Proxecto de Interese Autonómico para Monte Mero, onde se prevén 4.310 vivendas, o 80% delas protexidas.

Desde a Xunta insisten en que o obxectivo é duplicar o parque público residencial nesta lexislatura, alcanzando as 8.000 vivendas, e recordan que neste momento teñen máis de 2.500 vivendas públicas en desenvolvemento en cidades como Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense, Lugo, Ferrol, Mos, Vilagarcía e A Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.14331698417664