A Xunta recibe 9 ofertas para a execución das obras en 5 estradas no seu paso por concellos da Provincia
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia informa de que recibiu 9 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en 5 estradas autonómicas ao seu paso por 8 concellos da provincia da Coruña.
Este intervención, licitada por máis de 2 millóns de euros, ten como obxectivo a mellora das características funcionais da vía e súa seguridade viaria en distintos treitos das estradas AC-136, AC-221, AC-230, AC-542 e AC-934, que discorren polos concellos de Oza-Cesuras, Curtis, Oleiros, Sada, Cambre, Sobrado, Betanzos e Abegondo.
A previsión da Xunta é adxudicar as obras no mes de xullo e comezar a execución no mes de agosto, cun prazo de execución de 5 meses.
Os traballos consistirán na rehabilitación superficial localizada do firme das estradas, restaurando ou mellorando as características superficiais do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
Tamén se realizarán melloras na drenaxe, a sinalización, nos sistemas de contención e no balizamento, así como a limpeza de gabias existentes.
O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste exercicio 53 M€ á súa conservación.