A Xunta reafirma o seu compromiso co novo CHUAC, a maior obra hospitalaria de Galicia

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta coa construción do novo CHUAC, unha actuación que definiu como “absolutamente prioritaria” e que supón o maior investimento hospitalario que a Administración autonómica está a acometer na actualidade.
Durante a súa intervención, Allegue salientou que o proxecto superará os 500 millóns de euros, co obxectivo de “brindar e blindar” a mellor atención sanitaria na cidade da Coruña durante os vindeiros 50 anos. “Na actualidade están en execución contratos por máis de 85 millóns de euros”, explicou.
A conselleira puxo en valor a importancia do novo hospital como “proxecto transformador da Coruña e a súa contorna” e lembrou que Galicia foi a única comunidade española que logrou captar financiamento europeo para esta actuación, cun total de 60 millóns de euros.
Unha vez rematado, o novo CHUAC contará con preto de 260.000 metros cadrados de novos espazos asistenciais, o que se traducirá nun incremento do 15 % no número de camas, un 50 % máis para consultas e un 108 % máis de postos de urxencias, segundo indicou Allegue.
No que respecta ao estado actual das obras, a conselleira detallou que xa se completou o procedemento das expropiacións “baseado no acordo mutuo con todos os afectados”, e que está en marcha a urbanización de Pedralonga, onde se reubicarán as vivendas afectadas.
Tamén se están a desenvolver outras actuacións clave como o acondicionamento das instalacións de Expocoruña para o traslado do persoal e servizos do Hotel de Pacientes, seguido da demolición deste inmoble para dispoñer dos terreos antes de rematar o ano.
En canto á Torre Polivalente, avanzouse na escavación en rocha, un proceso complexo que require voaduras compatibles coa mobilidade. Ademais, as obras dos accesos ao complexo xa comezaron e o aparcamento provisional atópase actualmente en servizo. Neste punto, Allegue recordou o acordo institucional alcanzado co Concello da Coruña para o financiamento dos accesos.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adiantou que a Xunta prevé licitar antes de final de ano o contrato de obra da Fase 2, considerada a obra de edificación máis grande do novo CHUAC, cun orzamento estimado próximo aos 400 millóns de euros.