A Xunta reafirma o seu apoio ás asociacións veciñais da Coruña polo seu papel

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo un encontro cos representantes da recentemente constituída Agrupación Coruñesa de Asociacións Veciñais da Coruña. Durante a reunión, felicitou aos seus responsables pola iniciativa de unirse cun obxectivo común: defender os intereses da cidadanía coruñesa. Ademais, trasladoulles o apoio do Goberno galego para levar adiante as súa iniciativas e proxectos.
Os representantes veciñais aproveitaron o encontro para expoñer diversos temas de interese para a entidade, como o transporte metropolitano, a mobilidade, as vivendas de uso turístico ou a contaminación acústica. En resposta, Belén do Campo informoulles de que xa está aberto o prazo de solicitude da convocatoria de 2025 para subvencións destinadas a asociacións veciñais, federacións, confederacións e unións de asociacións de veciños, así como asociacións de mulleres rurais. O obxectivo destas axudas é financiar a realización de obras en locais sociais, a adquisición de mobiliario e equipamento, e a reparación de captacións e traídas de auga para as comunidades de usuarios de augas. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 17 de febreiro.
A convocatoria deste ano conta cun orzamento de 4 millóns de euros, un millón máis que na edición anterior, o que supón un incremento do 33,3 %. Segundo destacou a delegada, este aumento responde ao recoñecemento do papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural, especialmente no medio rural.
Como en anos anteriores, a orde inclúe dúzas liñas de actuación: unha, dotada con 3,4 millóns de euros, destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais; e outra, cun orzamento de 600.000 euros, para a dotación de equipamento e a organización de actividades específicas.
As axudas poderán cubrir ata o 100 % do investimento realizado, cun límite de 12.000 euros para proxectos de obra e de 5.000 euros para a adquisición de equipamento. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta. Ademais, as entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades de Galicia ou, no caso das comunidades de usuarios de augas, no libro de rexistro do organismo de conca correspondente como titulares de aproveitamento de augas.