A Xunta reafirma en Cambre o seu apoio á Vía Ártabra, melloras educativas e impulso ao emprego

ACoruñaXa
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, mantivo unha reunión coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo
cambre-xunta
29 Jul 2025

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, para analizar o avance dos proxectos que o Goberno galego ten en marcha no municipio e valorar novas vías de colaboración.

Durante o encontro, un dos asuntos centrais foi a Vía Ártabra, infraestrutura estratéxica para a mobilidade da comarca. Do Campo confirmou que "está previsto que se someta a información pública o seu trazado este mesmo ano", reafirmando así o compromiso da Xunta de seguir avanzando nesta actuación. Tamén abordaron outras melloras viarias para reforzar a seguridade nas estradas de titularidade autonómica no termo municipal.

No ámbito educativo, a delegada destacou o investimento de máis de 375.000 euros destinado á cubrición da pista deportiva e á construción dun muro de contención no IES Alfonso X o Sabio. Estas obras, segundo indicou, estarán finalizadas no mes de setembro co obxectivo de "dar resposta ás necesidades dos usuarios do centro de dispoñer de espazo cuberto exterior para o desenvolvemento de actividades deportivas e de recreo". A intervención contempla unha cuberta a dúas augas sobre a pista situada no extremo sur da parcela. A alcaldesa, pola súa banda, trasladou outras demandas en centros como o CEIP Porto Faro e o CEIP Emilia Pardo Bazán.

No eido laboral, ambas representantes valoraron positivamente o funcionamento do obradoiro de emprego dual de formación sociosanitaria que se desenvolve en Cambre, no que 20 veciños e veciñas están a prepararse grazas ao apoio da Xunta con máis de 411.000 euros. Este programa rematará o 31 de agosto. Ademais, a través da iniciativa Aprol Rural, tres traballadores municipais están a reforzar os servizos locais.

A delegada tamén informou á rexedora das distintas liñas de axudas activadas polo Goberno galego para concellos, cidadanía e tecido empresarial, animando a que sexan aproveitadas por Cambre. A alcaldesa expresou o seu interese en potenciar o traxecto do Camiño Inglés no municipio como recurso turístico, algo que ambas partes valoraron explorar mediante novas colaboracións.

Belén do Campo pechou o encontro destacando "a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns".

⚙ Configurar cookies
0.19412112236023