A Xunta prohíbe as queimas agrícolas e forestais desde este xoves

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir do 10 de abril
queimas_agricolas
8 Apr 2025

A partir deste xoves, 10 de abril, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso. Esta medida supón que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir do xoves. Quedan fóra desta prohibición as queimas prescritas que executa o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos.

Esta decisión adoptouse despois de avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este xoves e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

⚙ Configurar cookies
0.075227022171021