A Xunta prevé reparar a cuberta do CEIP de Teixeiro nas vacacións de Nadal

ACoruñaXa
A intervención, cunha duración estimada de cinco días e condicionada pola meteoroloxía, executarase con Construcións Beidame S.L. e o Concello completará a tarima en catro aulas exteriores
CURTIS ceip teixeiro
14 Dec 2025

Os traballos de reparación da cuberta do CEIP de Teixeiro levaranse a cabo durante as vacacións escolares de Nadal, segundo a información trasladada desde a Xefatura Territorial de Educación á comunidade educativa. A actuación queda supeditada a que as condicións meteorolóxicas permitan desenvolver as obras con seguridade e manéxase unha duración aproximada de cinco días. A empresa adxudicataria será Construcións Beidame S.L.

En paralelo a esta intervención, o Concello de Curtis anunciou que rematará a colocación da tarima flotante nas catro aulas exteriores do centro, unha mellora que non puido completarse durante o verán e que agora se pechará para deixar as dependencias en condicións óptimas.

Estas actuacións chegan nun contexto no que o CEIP de Teixeiro vén acumulando melloras nos últimos cursos. O Concello lembra que xa se executaron traballos de posta a punto no centro, como a instalación dunha nova rede de subministración eléctrica, pintado de aulas e espazos comúns, a colocación de tarima na zona de Infantil, melloras no comedor e medidas de seguridade no ximnasio, en coordinación con Educación.

Ademais, o propio Concello vén advertindo da presión de matrícula no colexio e trasladou á Xunta a necesidade de abordar a ampliación do CEIP de Teixeiro ante o incremento do alumnado nos últimos anos, unha demanda que se suma ás tarefas de mantemento e conservación que se van executando de maneira periódica.

⚙ Configurar cookies
0.076718091964722