A Xunta presenta o catálogo da exposición 'Arquitecturas que falan do seu tempo'

ACoruñaXa
Unha mostra inaugurada polo Museo de Belas Artes que permite percorrer a paisaxe arquitectónica galega
catalogo-belas-artes
6 Feb 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou o catálogo da exposición 'Arquitecturas que falan do seu tempo', unha mostra que o Museo de Belas Artes da Coruña inaugurou o pasado 6 de novembro para conmemorar o 175 aniversario da Real Academia Galega de Belas Artes. A exhibición ofrece un percorrido polas obras dos 23 arquitectos académicos de honra da institución, reflectindo a súa contribución á identidade cultural e social de Galicia.

Lorenzo destacou “a calidade e o coidado nos detalles” da publicación, que recolle con fidelidade os proxectos e achegas máis relevantes dos arquitectos presentes na mostra. Ademais, subliñou que a exposición “testemuña a influenza destes profesionais nos case dous séculos da arquitectura galega”.

Dado o alto interese que espertou a exposición, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou que a súa apertura se ampliará un mes máis, ata o 23 de marzo. Neste sentido, celebrou “o éxito” da mostra e valorou a súa capacidade para xerar curiosidade sobre a historia e o legado de arquitectos como Faustino Domínguez, Rafael Baltar, Xosé Manuel Casabella ou Manuel Gallego Jorreto, autor do actual edificio do Museo de Belas Artes.

A través da exposición e do seu catálogo, calquera visitante pode coñecer as diferentes correntes artísticas e etapas evolutivas da arquitectura galega. A mostra, comisariada por Xosé Manuel Casabella e Alfredo Sellier, inclúe unha selección de obras pictóricas e fotográficas de artistas como Xavier Correa Corredoira, Francisco Llorens e Antonio Tenreiro, que contextualizan visualmente a evolución do urbanismo en Galicia.

Tanto a mostra como a publicación ofrecen un espazo destacado para Faustino Domínguez, membro fundador da Real Academia Galega de Belas Artes e figura clave na transformación arquitectónica de Galicia nos últimos 175 anos.

0.16975784301758