A Xunta pon en valor o Centro Especial de Emprego de Fundación Hospitalarias Betanzos, especializado en lavandería sociosanitaria

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitaron este martes, 20 de xaneiro de 2026, o Centro Especial de Emprego (CEE) da Fundación Hospitalarias Betanzos, unha iniciativa orientada a favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade, tanto residentes na entidade como procedentes de concellos da contorna.
Durante o percorrido polas instalacións, Fernández destacou o ‘valor social’ do proxecto e o seu impacto na comunidade ao prestar servizos profesionais (principalmente de lavandería) vinculados ao ámbito sociosanitario en Galicia, baixo os principios da economía social e colaborando con empresas e entidades próximas.
Pola súa banda, Mariño reafirmou o compromiso da Xunta de seguir reforzando o emprego inclusivo e o papel dos centros especiais. Neste sentido, lembrou que os CEE e as empresas de inserción contaron en 2025 cun apoio autonómico global de 33,7 millóns de euros.
O CEE de Fundación Hospitalarias Betanzos, posto en marcha en 2025, funciona como unha lavandería profesional e conta cun cadro de persoal no que a maioría son persoas con discapacidade, co obxectivo de ofrecer unha oportunidade laboral estable e adaptada.