A Xunta reforza as Mesas de comercio local para pactar medidas co sector en Betanzos e Curtis

ACoruñaXa
Gabriel Alén participou este 20 de febreiro nos encontros de coordinación público-privada e, en Curtis, coñeceu o plan municipal que inclúe a campaña 'O teu pobo premia' con 10.000 euros e o impulso das feiras como referente turístico
CURTIS mesa comercio xunta
Actualizada el 23 febrero 2026, 07:45 horas
20 Feb 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou este 20 de febreiro nas Mesas de comercio local de Betanzos e Curtis, dúas reunións nas que a Xunta puxo en valor estes foros como unha ferramenta útil para axustar as políticas públicas á realidade de cada concello e reforzar a cooperación co tecido comercial. A Administración autonómica enmarca estes encontros no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e defende que permiten anticipar retos e activar medidas con impacto no territorio.

Na xuntanza de Betanzos analizáronse proxectos de dinamización previstos para 2026 e avaliáronse propostas orientadas a fortalecer o comercio local, co obxectivo de consolidar a venda de proximidade como motor da actividade económica. Durante o encontro, Alén lembrou liñas de apoio autonómico para impulsar mercados e prazas de abastos e destacou as axudas dirixidas aos centros comerciais abertos, con prazo de solicitude ata o 12 de marzo e un orzamento de 2,5 millóns de euros.

Xa en Curtis, a Mesa do comercio local reuniu tamén ao alcalde Javier Cainzos, á concelleira de promoción económica Fina Paredes e a representantes das asociacións do comercio local de Curtis e Teixeiro. No encontro presentouse un paquete de medidas co que o Concello busca revitalizar o sector e darlle un novo pulo ás feiras tradicionais, cun dobre obxectivo: modernizar a xestión interna e posicionar estas citas como un referente turístico e cultural en Galicia.

Entre as accións anunciadas figura a campaña 'O teu pobo premia', dotada con 10.000 euros de fondos municipais para incentivar o consumo nos establecementos da vila, premiar a fidelidade da veciñanza e reforzar o tecido empresarial fronte ás grandes superficies.

O Concello detallou, ademais, un Plan Municipal de reactivación para a feira de Teixeiro, que se celebra os días 5 e 18, con identidade visual propia, promoción en medios e redes e medidas de profesionalización como tarxetas identificativas para o persoal vendedor ambulante, unha iniciativa que se aplicará tanto nas feiras de Curtis como nas de Teixeiro para mellorar o control e a calidade do servizo.

No plano estratéxico, o goberno local informou de que xa traballa nos expedientes para solicitar que as feiras de Curtis e Teixeiro sexan declaradas Festas de Interese Turístico Galego, unha distinción coa que pretende ligar o produto local a un reclamo cultural capaz de atraer visitantes de toda a comunidade. A folla de ruta complétase coa solicitude de adhesión á nova orde de subvencións da Dirección Xeral de Comercio (xaneiro de 2026), co reto de optar ao selo de 'Mercado Excelente de Galicia' mediante unha diagnose técnica e un plan estratéxico.

0.11685013771057