A Xunta pon en marcha a construción de 17 vivendas públicas en Culleredo

A Xunta de Galicia deu o primeiro paso para levantar unha nova promoción de vivenda pública no concello de Culleredo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, informou hoxe da licitación da redacción do proxecto e da dirección de obra para construír 17 novas vivendas de promoción pública no núcleo de Vilaboa.
As casas levantarase nunha parcela situada na rúa Alcalde Domingo Sierra, posta á disposición da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas pola Consellería de Facenda e Administración Pública. A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), que na actualidade ten en marcha arredor de 1.900 vivendas no conxunto do país, será a entidade encargada de promover estes 17 fogares.
Segundo avanzou Allegue, o Goberno galego prevé investir máis de 3,2 millóns de euros na execución das obras. Como primeiro trámite, Vipugal saca hoxe a concurso a redacción do proxecto técnico e a dirección de obra por un importe próximo aos 135.000 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 23 de xaneiro e, unha vez adxudicado o contrato, disporán dun prazo de cinco meses para elaborar o proxecto. A conselleira subliñou que o obxectivo é que estas vivendas sexan xa unha realidade antes de que remate a presente lexislatura.
Allegue puxo de relevo a importancia da colaboración cos concellos para dispoñer de solo onde construír vivenda pública e atender a demanda existente. Lembrou que, na provincia da Coruña, xa cederon tamén terreos municipios como Arteixo, Carballo, Narón, Ames ou Teo para novas promocións.
No marco do reto de duplicar o parque público residencial con 4.000 vivendas adicionais ata 2028, a Administración autonómica ten en marcha neste momento preto de 3.000 fogares, e prevé entregar ao longo de 2026 novas promocións en Santiago, Pontevedra, A Coruña e Ourense. Ademais, a través da Estratexia Galega de Solo Residencial están a desenvolverse 11 Proxectos de Interese Autonómico para crear solo urbanizado en puntos como A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo (dous ámbitos), Santiago, Vilagarcía de Arousa, Arteixo, Marín e O Porriño.
Para avanzar nestes obxectivos, os orzamentos da Xunta para 2026 reservan 350 millóns de euros a políticas de vivenda, dos cales 163 millóns se destinarán especificamente á construción de novos fogares públicos.