A Xunta manterá a glorieta de Ledoño ata facer o paso inferior para peóns

A Xunta de Galicia decidiu manter a glorieta de Ledoño, en Culleredo, mentres non se execute o proxecto que inclúe un paso inferior para garantir o cruce seguro dos peóns na AC-523.
O proxecto, actualmente en redacción, prevé mellorar a mobilidade e a seguridade viaria no punto quilométrico 1+360. O investimento estimado é de 700.000 euros, e está previsto que as obras poidan comezar en 2026.
O Concello de Culleredo solicitou unha reunión coa Xunta para revisar os detalles técnicos das actuacións previstas. A rotonda seguirá en funcionamento, tal e como pedían numerosos veciños que consideran que facilita os cruces e axuda a reducir a velocidade do tráfico.