A Xunta Local de Seguridade de Betanzos destaca a baixa criminalidade no municipio

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu esta a Xunta Local de Seguridade en Betanzos, acompañada pola alcaldesa María Barral, para avaliar a situación actual en materia de seguridade e coordinar os dispositivos previstos para os principais eventos festivos da vila, incluída a Feira Franca Medieval.
Durante a reunión, María Barral trasladou a súa preocupación pola presenza de situacións de “trapicheo ou menudeo” en diversos puntos da cidade que xeran sensación de inseguridade. Dirixiuse á Garda Civil e á Policía Local para solicitar o incremento das actuacións contra estas prácticas. A subdelegada do Goberno mostrou o seu respaldo a esta petición, e os responsables das forzas de seguridade comprometeronse a “poñer os medios e mecanismos que sexan necesarios” para frear estes comportamentos.
No que respecta á planificación dos dispositivos de seguridade, a Garda Civil e a Policía Local reforzarán a súa presenza tanto na Feira Franca Medieval, que se celebrará do 11 ao 13 de xullo, como nas tradicionais festas patronais de agosto, especialmente os días 16, 18 e 25, coincidindo con actos destacados como o Globo e as dúas xiras a Os Caneiros. A presenza policial centrarase no casco urbano e nas zonas periféricas segundo corresponda, mantendo o dispositivo de vixilancia nas rúas do casco histórico, que nos últimos anos obtivo moi bos resultados.
Ademais, o Concello habilitará Puntos Violeta tanto durante a Feira Franca —as noites do 11 ao 13 de xullo, de 22.00 a 01.00 horas— como nas festas de agosto —os días 15, 16, 18 e 25— e durante as xiras a Os Caneiros, de 17.00 a 21.00 horas. Estes espazos teñen como obxectivo a implicación da sociedade na loita contra a violencia de xénero, ofrecendo información, atención e apoio ás vítimas, e sensibilizando a poboación para previr agresións sexistas durante as celebracións.
En canto á situación xeral da seguridade, a Garda Civil indicou que Betanzos se sitúa na media provincial de taxa de criminalidade, tendo en conta o seu carácter comarcal e o gran número de persoas que visitan a vila desde outros municipios durante os fins de semana. Os datos rexistrados apuntan a unha redución do 10 % no número total de delitos, especialmente grazas á detención de varias bandas organizadas en Curtis e A Coruña, o que tamén contribuiu a disminuir os roubos en vivendas e establecementos comerciais. Porén, aumentaron os casos de estafas cibernéticas, unha tendencia similar á doutros municipios.
A subdelegada María Rivas resaltou “o traballo conxunto da Garda Civil e a Policía Local para garantir a seguridade da veciñanza” e destacou que “a taxa de criminalidade en Betanzos sitúase moi por debaixo da media nacional”.
Ademais, na xuntanza fixéronse balance das accións do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, co que se busca reforzar a colaboración entre comunidade educativa e forzas de seguridade para previr riscos entre a mocidade. Na localidade desenvolvéronse 44 actividades con máis de mil participantes, abordando cuestións como a ciberseguridade, o acoso escolar, a violencia de xénero, o consumo de drogas, a protección de datos ou as adiccións.