A Xunta licita por máis de 256.000 euros a restauración da igrexa da Nosa Señora da Laxe en Vilasantar

ACoruñaXa
Os traballos, cun prazo previsto de seis meses, centraranse na fachada e no campanario para corrixir filtracións e mellorar a estabilidade, mentres avanzan as obras na capela da Venerable Orde Terceira de San Francisco na Coruña
VILASANTAR virxe
8 Feb 2026

A Xunta de Galicia vén de iniciar os trámites de contratación das obras de restauración da fachada e do campanario da igrexa da Nosa Señora da Laxe, en Vilasantar, cun orzamento de máis de 256.000 euros. O anuncio fíxoo este sábado o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante unha visita a este ben catalogado do patrimonio coruñés.

Segundo explicou, a intervención pretende solucionar, entre outras cuestións, os problemas de entrada de auga detectados no rosetón da fachada principal e as deficiencias de estabilidade na cúpula de coroación da torre. O proxecto prevé un prazo de execución de seis meses.

Entre as actuacións previstas figura a substitución da carpintería do rosetón e o desmontaxe e reconstrución da cúpula de coroación do campanario. Tamén se contempla reforzar a base da torre cun novo rexuntado, ademais de melloras na impermeabilización e na ventilación e o reforzo dos contrafortes.

López Campos encadrou a actuación no compromiso da Xunta coa protección e conservación do patrimonio cultural en todo o territorio, subliñando a importancia de manter e poñer en valor os bens históricos espallados pola provincia.

No marco da mesma xornada, o conselleiro tiña previsto visitar tamén o avance das obras na capela da Venerable Orde Terceira de San Francisco, na Coruña. Estes traballos, iniciados en setembro cun investimento de 550.000 euros, están orientados a resolver problemas de seguridade estrutural e de estanquidade na cuberta das edificacións anexas (vivenda, sancristía e almacén), co obxectivo de frear o deterioro e recuperar o espazo para a veciñanza e as visitas. A previsión é que queden rematados no verán.

⚙ Configurar cookies
0.078461885452271