A Xunta licita por máis de 1,4 millóns de euros a ampliación dos talleres de FP do IES de Curtis


A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación as obras de ampliación dos talleres de Formación Profesional do IES de Curtis, cun orzamento superior a 1,4 millóns de euros. A intervención, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, desenvolverase ao longo de 2026 e inscríbese no Plan de nova arquitectura pedagóxica.
O proxecto ten como finalidade gañar espazo para a FP e, ao tempo, mellorar a eficiencia enerxética do centro. Para iso, demolerase a nave máis pequena dos talleres de mecánica, situada no fondo da parcela, e levantarase unha nova de maior tamaño, duns 363 metros cadrados. Esta ampliación permitirá reorganizar os usos dun xeito máis funcional, optimizar a distribución e incrementar a altura do volume. A envolvente prevé unha solución en dobre folla de ladrillo cerámico con illamento interior, complementada cun sistema de illamento térmico polo exterior, co obxectivo de mellorar o confort e reducir a demanda enerxética. As cubertas serán de panel metálico tipo sándwich e policarbonato celular.
A nova nave situarase anexa ao muro de contención das pistas deportivas e terá acceso mediante unha rampla pola parte posterior, para aproveitar mellor o espazo e facilitar a circulación. Contará con dous aseos e vestiarios adaptados, ademais dunha cabina de lacado, un almacén e a propia zona de taller.
En paralelo, a Xunta tamén actuará no outro taller de mecánica, o que está pegado ao conxunto principal de edificios do instituto. Neste caso, está prevista a instalación de novas placas de falso teito con paneis tipo sándwich para reforzar a seguridade e o illamento térmico e acústico. Tamén se substituirán os lucernarios por novas fiestras de aluminio, co que se incrementará a entrada de luz natural. No exterior, renovaranse carpinterías e incorporarase un sistema de illamento térmico.
O plan inclúe, ademais, melloras no edificio principal. Substituirase a iluminación convencional por 598 unidades LED, orientadas ao aforro e a un control máis axustado da intensidade segundo as necesidades de cada espazo. Tamén se reorganizarán ámbitos da terceira planta para habilitar unha nova aula de plástica.
Outro dos cambios previstos será a substitución das caldeiras de gasóleo por equipos de biomasa, co fin de reducir a pegada ecolóxica do centro. As novas instalacións ubicaranse no almacén do extremo esquerdo do edificio, adaptando a súa estrutura, e abastecerán nun sistema centralizado o edificio principal, os talleres e o ximnasio.
A Consellería explica que esta licitación abre os trámites para contratar estas obras, que forman parte das primeiras actuacións comprometidas para este ano (16 en toda Galicia, cun investimento conxunto de máis de 16 millóns de euros). No balance anual, a Xunta prevé destinar 73,6 millóns de euros a obras en centros educativos, o que supón un incremento do 4%. No caso do IES de Curtis, a nova intervención súmase á rehabilitación integral executada en 2023, próxima ao millón de euros, polo que o investimento acumulado supera xa os 2 millóns de euros.