A Xunta licita dúas novas sendas peonís en Mabegondo e Montouto por preto de 550.000 euros

A Xunta de Galicia habilitará dúas novas sendas peonís no Concello de Abegondo, nas parroquias de Mabegondo e Montouto, cun investimento global próximo aos 550.000 euros. O proxecto sairá a licitación o vindeiro luns e, unha vez adxudicado, contará cun prazo de execución de seis meses, polo que as novas beiravías estarán operativas ao longo do ano 2026.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, avanzou os detalles da actuación durante unha visita ao municipio na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza. Na presentación participou tamén o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, que subliñou o carácter esencial destas actuacións para garantir desprazamentos seguros á veciñanza.
As novas sendas discorrerán pola marxe dereita da estrada autonómica AC-542 ao seu paso por Mabegondo e Montouto, sumando preto dun quilómetro de itinerario peonil. No primeiro caso, en Mabegondo, o trazado terá 430 metros de lonxitude entre a intersección coa AC-221 e a glorieta situada no cruce coa estrada provincial DP-0106. En Montouto habilitarase unha senda de 480 metros que rematará no encontro coa DP-0103, nun tramo que actualmente carece de beirarrúas.
Os itinerarios proxectados terán unha anchura xeral de 2,5 metros, con pequenas excepcións puntuais onde o espazo dispoñible é menor. Ademais da execución das sendas, o contrato incluirá melloras de sinalización, ordenación de accesos ás vivendas e conexións coas beirarrúas xa existentes, co obxectivo de ofrecer percorridos continuos e máis seguros para os peóns.
Durante o acto, Santiso agradeceu a colaboración da Xunta, á que cualificou de fundamental para dar resposta ás demandas da cidadanía, e expresou o seu desexo de que a conselleira poida regresar primeiro para inaugurar o novo centro de saúde e, posteriormente, estas sendas. Pola súa banda, Allegue incidiu en que a seguridade viaria é unha das prioridades do Goberno galego e lembrou que estas actuacións se enmarcan no Plan de Sendas da Xunta, co que xa se planificaron e executaron arredor de 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas en Galicia.
A conselleira puxo en valor que estes novos treitos dan continuidade a outros xa executados na mesma estrada en coordinación co Concello, ampliando así a rede de mobilidade sostible no termo municipal de Abegondo. Tamén salientou que os proxectos se desenvolven co máximo respecto pola contorna, coidando a integración paisaxística e a recuperación de espazos para as persoas.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 22 de decembro. A previsión da Xunta é iniciar as obras na primavera de 2026, sempre que se cumpran os prazos administrativos previstos.