A Xunta licita a segunda fase da rehabilitación do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos
A Xunta de Galicia destina máis de 910.000 euros á segunda fase da rehabilitación integral do CEIP Francisco Vales Villamarín, en Betanzos. Enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica, esta intervención busca modernizar as instalacións e mellorar a eficiencia enerxética do centro.
Entre as actuacións destacan o illamento térmico das fachadas mediante o sistema SATE e a renovación completa das ventás, que serán de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento. As persianas tamén se substituirán por modelos con lamas de aluminio e illamento de poliuretano para mellorar a súa eficiencia.
No interior, instalaranse falsos teitos rexistrables en aulas, comedor e salas de usos múltiples, mentres que os almacéns e oficinas do comedor contarán con teitos de acabado vinílico para facilitar a limpeza. Ademais, cambiaranse todas as luminarias por modelos de alta eficiencia enerxética.
Entre outras melloras, levarase a cabo a reorganización da biblioteca, o comedor e a sala de usos múltiples para optimizar os espazos. Esta actuación súmase aos 3,5 millóns de euros investidos nos últimos anos no mesmo centro, incluíndo a construción dun aulario de Infantil en 2014 e a primeira fase da rehabilitación integral do edificio principal en 2018.
O Plan de nova arquitectura pedagóxica, cun orzamento total de 500 millóns de euros ata 2028, reafirma o compromiso do Goberno galego cun modelo educativo máis accesible, sostible e adaptado ás demandas do século XXI.