A Xunta licita a renovación do equipamento para as unidades de saúde bucodental das sete áreas sanitarias
A Xunta de Galicia publicou o martes pasado no Portal de Contratos de Galicia a licitación para o subministro de equipamento de tratamento dental destinado ás unidades de saúde bucodental dos centros de atención primaria das sete áreas do Servizo Galego de Saúde, cun importe total de 1.607.435 euros.
A licitación contempla a renovación de 80 equipamentos, que incluirán unidades de tratamento dental completas, sistemas de aspiración, compresores de aire e lámpadas de polimerización. Cada unidade de tratamento comprende un sillón de paciente, columna de elementos, bloque de agua, e distintos accesorios para o especialista e o asistente, como xeringas aire-auga multifunción.
A distribución dos novos equipamentos será a seguinte: 15 unidades para a área sanitaria da Coruña e Cee; 5 para Ferrol; 15 para Santiago de Compostela e Barbanza; 9 para Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 12 para Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 14 para Vigo; e 10 para a área de Pontevedra e O Salnés.
As enfermidades bucodentais, moitas veces relacionadas con outras condicións non transmisibles como as enfermidades cardiovasculares, a diabetes, e o cancro, poden ser en gran medida previdas e tratadas nas súas fases iniciais. A renovación dos equipos busca mellorar a calidade dos tratamentos e a cobertura sanitaria en materia bucodental para a poboación galega.
As empresas interesadas no contrato teñen prazo ata o 29 de agosto para presentar as súas ofertas.