A Xunta licita a compra de dous sistemas ecográficos na área sanitaria da Coruña

A Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, vén de publicar no Portal de Contratos Públicos a licitación de dous sistemas ecográficos con destino aos servizos de Medicina Física e Rehabilitación e de Medicina Interna da área sanitaria da Coruña e Cee, por un importe de 90.750 euros.
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 4 de agosto para presentar as súas ofertas.
A ecografía clínica constitúe unha ferramenta diagnóstica e terapéutica esencial na práctica médica actual. É unha técnica non invasiva, segura, de baixo custo relativo e gran versatilidade, que permite obter imaxes anatómicas e funcionais en tempo real. O seu uso mellora significativamente a precisión diagnóstica, guía procedementos intervencionistas e facilita unha toma de decisións clínicas máis rápida e eficaz.
O Servizo Galego de Saúde considera necesaria a contratación da subministración de dúas ecógrafos para a área sanitaria da Coruña e Cee: un deles de altas prestacións para o servizo de Medicina Física e Rehabilitación, destinado a técnicas de rehabilitación intervencionista, e outro portátil para o servizo de Medicina Interna, que permita a realización de exploracións a pé de cama.
O servizo de Medicina Física e Rehabilitación utiliza a ecografía como soporte imprescindible na valoración e tratamento da dor musculoesquelética. Todas as técnicas intervencionistas que se realizan no servizo levan a cabo baixo guía ecográfica. Para garantir a máxima seguridade, precisión e eficacia clínica, requírese incorporar un ecógrafo de alta gama, con excelente calidade de imaxe e funcionalidades específicas para intervencionismo guiado.
Pola súa banda, o servizo de Medicina Interna emprega a ecografía clínica como unha extensión fundamental da exploración física, integrada xa na súa práctica diaria. O servizo atende pacientes ingresados en cinco unidades de hospitalización e en tres áreas ambulatorias.
A dispoñibilidade dun ecógrafo portátil adicional resulta indispensable para poder responder de forma áxil á demanda asistencial, especialmente en pacientes con mobilidade reducida. Isto permitirá mellorar a eficiencia na atención, optimizar a toma de decisións clínicas e contribuír de forma positiva á xestión global de pacientes no hospital.
A presente contratación ten a natureza de subministración e inclúe a entrega, instalación e posta en marcha dos equipos, así como a formación básica ao persoal clínico.