A Xunta levará a información pública a rolda sur-oeste de Ordes para conectar a N-550 coa AC-413


A Xunta de Galicia acordou someter a información pública o proxecto de execución da rolda sur-oeste de Ordes, unha nova variante que unirá a N-550 (onde o Ministerio de Fomento prevé unha intersección tipo glorieta) coa estrada autonómica AC-413. O obxectivo principal é afastar do núcleo urbano o tráfico pesado que actualmente atravesa rúas como a do Recreo, Alfonso Senra ou Lagartos.
Segundo trasladou o Goberno galego, na situación actual os desprazamentos desde o centro de Ordes cara Carballo (AC-413) ou Viaño Pequeno (DP-5903) vense obrigados a circular polo interior da vila ao longo de 1.010 metros, mesturando o tránsito local co de paso cara A Silva, Carballo, Trazo ou Tordoia. A rolda permitiría aliviar especialmente puntos como as rúas Mediodía e do Recreo, ao facilitar a conexión entre a AC-524 (acceso á AP-9 e a Mesía), a N-550 (cara Santiago) e as vías AC-413 e DP-5903.
A actuación, impulsada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), prevé unha rolda de 2,01 quilómetros, con dous carrís de circulación e unha infraestrutura pensada tamén para a mobilidade activa: senda peonil e carril bici (apta tamén para patíns). Esta continuidade conectaría coas sendas e carrís xa existentes entre a Praza da Constitución e equipamentos como a Piscina Municipal, o IES Maruxa Mallo, o IES Nº1 e os pavillóns Castelao I e II.
No deseño inclúense dúas glorietas: unha no punto quilométrico 0+560 (á altura da intersección coa rúa Coruña e o desvío cara os centros educativos e a piscina) e outra no enlace coa AC-413 e a DP-5903. Ademais, proxéctase unha intersección en T con carrís centrais para o acceso ao cemiterio municipal do Balado e ao punto limpo, e un novo acceso considerado clave para o propio IES Maruxa Mallo, o tanatorio municipal e o camposanto.
O proxecto contempla tamén melloras de iluminación e a execución de tres estruturas necesarias para o trazado: unha ponte sobre un curso de auga no 0+065, un paso inferior no 0+672 para manter a continuidade dun viario municipal, e outra ponte sobre un curso de auga no 1+360. As obras desenvolveranse no termo municipal de Ordes, nas parroquias de Santa María de Ordes e Santa Mariña de Parada.
A Xunta prevé abrir a información pública nos vindeiros días durante un mes, tanto para cumprir coa Lei 8/2013 de estradas de Galicia como a efectos expropiatorios, xa que a intervención require expropiar 147 predios. A folla de ruta apunta a aprobar o proxecto no cuarto trimestre de 2026, redactar despois o proxecto construtivo e licitar a execución das obras no 2027, cun prazo estimado de 18 meses.