A Xunta inviste na mellora da infraestrutura viaria do polígono de Icaria en Oleiros

ACoruñaXa
O proxecto executado conta cunha superficie de 206.000 metros cadrados e alberga actualmente 120 empresas
oleiros-icaria
22 Apr 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o polígono industrial de Icaria, en Oleiros, para supervisar as obras de mellora realizadas na infraestrutura viaria do parque empresarial, grazas a unha achega autonómica de 120.000 euros.

Acompañada polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, a delegada destacou que esta actuación enmárcase dentro da orde de axudas da Xunta destinada á modernización dos parques empresariais de Galicia, que contou no último exercicio cun orzamento global de 3,5 millóns de euros.

O proxecto executado no polígono, que conta cunha superficie de 206.000 metros cadrados e alberga actualmente 120 empresas, centrouse na urbanización da rúa Ícaro. As obras incluíron a reposición de beirarrúas deterioradas, a renovación da rede de pluviais con novos sumidoiros e canaletas de drenaxe, a instalación de tubaxes de saneamento e a creación dunha nova zona de aparcamento, ademais do repintado da sinalización viaria.

Tamén se realizaron actuacións similares noutras rúas do parque como Sendeiro, Zeus, Pegaso, Poseidón, Eolo, a praza Atenea e o ramal da avenida das Mariñas que conecta co cuartel da Garda Civil e outras instalacións. A sinalización horizontal foi renovada con marcas viarias, pasos de peóns, cebreados, illotes, zonas de carga e descarga, e paradas de bus.

Do Campo sinalou que con este tipo de apoios “queremos dar resposta ás novas necesidades destas áreas industriais para modernizalas, favorecer a implantación de empresas e impulsar o emprego local”. A delegada tamén anunciou que o Concello de Oleiros xa presentou unha nova solicitude para continuar avanzando neste proxecto.

“Desde o Goberno galego seguiremos traballando da man dos concellos para mellorar os servizos e as oportunidades que se ofrecen á veciñanza”, apuntou. Na provincia da Coruña, un total de 25 concellos beneficiáronse destas achegas no último ano, sumando preto de 1,8 millóns de euros en investimentos.

 

⚙ Configurar cookies
0.17640590667725