A Xunta inviste máis de 180.000 euros en novo equipamento para otorrinolaringoloxía no CHUAC

A Xunta de Galicia vén de licitar, por un importe de 180.290 euros, a compra de novo equipamento destinado ao servizo de otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). O procedemento, publicado no Portal de Contratos de Galicia, contempla a adquisición de cinco sillóns de exploración, unha torre endoscópica cirúrxica de altas prestacións e outra para exploración faringolarínxea.
Segundo informou o Goberno autonómico, os novos sillóns dispoñen de sistemas de motorización integral, posicións automáticas, rotación con freo electromagnético e melloras ergonómicas que permitirán realizar exploracións médicas con maior eficiencia, precisión e seguridade, tanto para os pacientes como para o persoal sanitario.
Pola súa parte, as dúas novas torres endoscópicas suporán un salto cualitativo na capacidade diagnóstica e na toma de decisións clínicas. A torre cirúrxica permitirá abordar diariamente intervencións de nariz, oído, base de cranio e procedementos con láser CO₂, facilitando a delimitación precisa de tumores mucosos. Pola súa banda, a torre de exploración funcional posibilitará unha media de dez exploracións diarias nas consultas externas, incrementando a versatilidade asistencial.