A Xunta inviste 44 millóns de euros en 131 actuacións en centros educativos da Coruña

ACoruñaXa
O Goberno galego executa 31 grandes obras e outras 100 melloras menores aproveitando o período estival, incluíndo ampliacións, rehabilitacións e pequenas reparacións
20 Jul 2025

A Xunta de Galicia está a desenvolver este ano 131 actuacións en centros educativos da provincia da Coruña cun investimento total de 44 millóns de euros, segundo anunciou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, durante unha visita ao Instituto Eduardo Pondal, en Santiago, onde o seu departamento vén de supervisar a ampliación do centro para adaptalo ás novas necesidades derivadas do crecemento demográfico da zona.

Na visita, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o titular de Educación explicou que na provincia avánzase na execución de 31 grandes intervencións —como ampliacións de colexios e institutos e rehabilitacións integrais— e, ademais, como é habitual cada verán, intensifícanse outras 100 melloras de menor tamaño destinadas a pequenas reparacións.

No apartado das grandes obras, que xa están en marcha e continuarán nos vindeiros meses, a Xunta impulsa 31 actuacións que suman case 43 millóns de euros. Entre elas, destacan catro intervencións cun importe próximo aos 20 millóns de euros, como a construción dun novo colexio no Milladoiro —que absorbe un investimento de 12 millóns de euros—, a ampliación do Colexio Público Integrado As Mirandas en Ares (3 millóns de euros) e a rehabilitación integral do Centro Integrado de Formación Profesional Ánxel Casal-Monte Alto, cun investimento de preto de 2,5 millóns de euros. Ademais, executarase a ampliación do Instituto IES de Pastoriza, en Arteixo, cun orzamento de 2 millóns de euros.

En canto ás obras de menor envergadura pero consideradas “moi necesarias para o funcionamento do día a día dos centros”, segundo puntualizou o conselleiro, no marco do Plan de Benestar e Accesibilidade na Escola (Plan BEN_Estar 2025), levaranse a cabo durante o verán un total de 100 actuacións por un importe de case 1,165 millóns de euros, repartidas entre colexios e institutos de 79 concellos da provincia.

Estas intervencións inclúen reparacións diversas, traballos de pintura, pequenas reformas nas instalacións eléctricas, fontanería, saneamento, baños ou calefacción, así como melloras en patios, cambios puntuais de fiestras, portas ou lucernarios, renovación de equipamento de cociña ou adaptación de espazos.

Durante a visita ao Instituto Eduardo Pondal, o conselleiro supervisou o avance das obras de ampliación iniciadas no pasado mes de xaneiro e que está previsto que conclúan antes de rematar o ano. Segundo indicou, o investimento final supera os 3,1 millóns de euros e permitirá dotar o centro de seis novas aulas, ampliar a biblioteca, reformar os aseos para mellorar a accesibilidade, modernizar o sistema de calefacción, arranxar a cuberta e reubicar a pista deportiva.

Román Rodríguez subliñou que esta actuación responde á necesidade de adaptar o centro ao crecemento da poboación escolar nos barrios que comprende o instituto. “Con esta obra damos resposta ao incremento demográfico e ampliamos o espazo educativo en aproximadamente 1.000 metros cadrados”, apuntou.

⚙ Configurar cookies
0.14067316055298