A Xunta inviste 2,25 millóns de euros na revitalización do comercio local
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, destacou este venres o valor de accións como a 'Noite Branca da Coruña' para impulsar o comercio local. Así o sinalou durante a celebración desta xornada organizada pola asociación comercial Zona Obelisco e que conta con distintas actividades co fin de dinamizar o consumo nos establecementos da cidade herculina.
Alí o director xeral aproveitou a ocasión para lembrar que ata o 24 de xuño os centros comerciais abertos de toda Galicia poden solicitar as axudas por un importe global de 2,25 millóns de euros para impulsar a súa innovación e a dinamización e que a convocatoria foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 24 de maio.
Gabriel Alén salientou que estes apoios se enmarcan no compromiso do Goberno galego coa revitalización do comercio local como elemento esencial do desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas. Neste sentido, sinalou que o ano pasado se beneficiaron se beneficiaron deste tipo de axudas 51 asociacións das catro provincias.
As achegas máximas desta convocatoria poderán alcanzar os 52.000 euros e con elas poderán financiarse gastos derivados de campañas de dinamización coma a Noite Branca, feiras de oportunidades ou eventos de promoción comercial. Tamén descontos de aparcamentos vencellados coas vendas, envíos en liña, mantemento de marketplaces, ou de desenvolvemento de apps de fidelización.
Así mesmo, Alén puxo de relevo que esta orde de achegas se complementará, por primeira vez, cunha convocatoria que se lanzará no segundo semestre do ano para financiar proxectos tractores de dinamización destas entidades que favorezan a innovación e a competitividade do comercio local, entre outras medidas de apoio.