A Xunta investirá na mellora da estrada AC-214 ao seu paso por Cambre e Bergondo

ACoruñaXa
O prazo de execución previsto é de catro meses e completarase coa nova sinalización horizontal
bergondo-cambre
28 May 2025

A Xunta de Galicia anunciou un investimento de máis de 800.000 euros para a mellora do firme da estrada autonómica AC-214 nos concellos de Cambre e Bergondo. A actuación foi presentada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, durante unha visita á zona acompañada pola alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire.

Os traballos centraranse na renovación do firme ao longo de 7,3 quilómetros, comprendidos entre o punto quilométrico 1+650 e o 7+300 en Cambre, e dende Guísamo (N-VI) ata Sigrás (N-550), entre os puntos 0+000 e 1+650 en Bergondo.

A intervención inclúe o fresado de 5 cm nas zonas con deterioros como rodeiras, afundimentos ou fendas, seguido da reposición con mestura asfáltica. Nos treitos en mellor estado, realizarase un recrecido do firme con asfaltado en quente para regularizar a superficie. Ademais, nos puntos con maior número de accesos a vivendas ou aparcadoiros, faranse fresados en cuña e reposición completa da calzada no ancho de carril.

Esta obra en Cambre e Bergondo insírese nun contrato máis amplo da Xunta que abrangue seis estradas autonómicas na provincia da Coruña —incluíndo a AC-214— cun orzamento global de máis de 3,3 millóns de euros. As actuacións beneficiarán a doce concellos e preto de 116.000 habitantes, sen precisar expropiacións ao estaren dentro do dominio público.

O prazo de execución previsto é de catro meses, e completarase coa nova sinalización horizontal e a reposición das barreiras de seguridade necesarias.

Belén do Campo destacou que estas obras forman parte da aposta da Xunta pola mellora continua da rede viaria autonómica e pola seguridade nas estradas. Subliñou tamén que en 2025 a Administración galega destinará 68 millóns de euros á conservación e mantemento das vías de titularidade autonómica.

⚙ Configurar cookies
0.16432499885559