A Xunta instala 18 paneis informativos no río de Pastoriza para alertar do risco de inundación na Coruña

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, completou a instalación de 18 paneis divulgativos na área de risco potencial significativo de inundación do río de Pastoriza, situada integramente no concello da Coruña. O obxectivo é informar a veciñanza sobre os perigos asociados ás zonas con maior probabilidade de asolagamento e dar a coñecer as medidas preventivas e recomendacións de actuación ante un posible episodio de desbordamento.
A Arpsi do río de Pastoriza está incluída no grupo IV do Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que recolle os espazos con maior perigosidade desde o punto de vista da dinámica fluvial. A instalación destes paneis forma parte do Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo (Pedarpsi) e dá continuidade ao labor que Augas de Galicia vén desenvolvendo noutros puntos sensibles da demarcación.
A entidade autonómica instalou xa indicadores deste tipo en 16 concellos galegos con áreas catalogadas como de alto risco, entre eles Arteixo, Betanzos, Sada, Carballo, Cedeira ou As Pontes. Con esta actuación, o organismo reforza o seu compromiso coa prevención e coa xestión sostible dos asolagamentos, en coordinación coas administracións locais e seguindo as liñas marcadas polo PXRI vixente ata 2027, actualmente en proceso de revisión.
No caso concreto do río de Pastoriza, colocáronse seis paneis xerais con información sobre a zona e o protocolo de actuación, dez paneis reducidos e dous paneis infantís deseñados cunha estética máis sinxela e adaptada ás crianzas. O investimento ascende a 6.952,5 euros e está incluído no contrato global de Augas de Galicia para a prestación de servizos de sinalización e sensibilización sobre o risco de inundación, cun orzamento próximo aos 700.000 euros.
A maiores, o Pedarpsi inclúe obradoiros dirixidos a nenos e nenas de centros educativos situados preto das áreas de risco, co propósito de fomentar a comprensión sobre os episodios de asolagamento e sobre o impacto que teñen as accións humanas no comportamento dos ríos e canles de auga.