A Xunta inicia traballos de conservación fluvial en máis de 7 quilómetros de ríos en Betanzos e Paderne

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, puxo en marcha actuacións de mantemento e conservación en máis de 7 quilómetros dos ríos Mandeo, Mendo e Xerpe ao seu paso polos concellos de Betanzos e Paderne.
Segundo trasladou o organismo hidráulico, os traballos, xa comunicados ás administracións locais, esténdense por un tramo de 3,9 quilómetros do Mandeo nas parroquias de San Salvador de Colantres, San Xoán de Vilamourel, San Vicente de Armá e Santa André de Obre. No río Xerpe actuarase en máis de 2,5 quilómetros nas parroquias de San Xoán de Paderne, Santo André de Obre e San Martiño de Tiobre, mentres que no Mendo as intervencións abranguerán máis de 800 metros na parroquia de San Martiño de Brabío.
Ademais, no termo municipal de Betanzos, a Xunta tamén prevé tarefas en máis de 700 metros en varios regatos como As Angustias, O Pasatempo e Infesta.
As actuacións desenvolveranse durante arredor de cinco semanas e inclúen a retirada de árbores caídas e de biomasa acumulada na canle, co obxectivo de reducir o risco de atascos e facilitar unha circulación máis fluída da auga. Para iso empregarase ferramenta manual e contarase tamén co apoio de maquinaria de maior tamaño, como un tractor.
A intervención enmárcase no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico nas bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Nalgúns dos treitos previstos, trátase ademais de áreas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi). Unha vez rematadas as obras, os treitos quedarán despexados de maleza, co propósito de mellorar o estado dos leitos e favorecer as condicións naturais do ecosistema fluvial, actuando nas zonas nas que a Xunta ten competencias.