A Xunta inicia a tramitación ambiental do PIA do Monte Mero para máis de 4.000 vivendas

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inicia a tramitación ambiental do proxecto de interese autonómico (PIA) do sector SUD 4 do Monte Mero, na Coruña. O procedemento comezou coa remisión á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade do borrador do proxecto e do documento ambiental estratéxico, dando paso á avaliación ambiental que permitirá avanzar na súa aprobación administrativa.
O PIA do Monte Mero ocupará unhas 40 hectáreas e poderá albergar máis de 4.000 vivendas, das cales o 80 % serán de protección oficial. Esta actuación forma parte da Estratexia Galega de Solo Residencial, que busca urbanizar solo para 25.000 vivendas protexidas en Galicia. O proxecto coruñés é o segundo en iniciar a súa tramitación ambiental, tras o PIA de Lugo, mentres que outras cidades como Santiago, Pontevedra ou Vigo teñen pendente comezar este procedemento.