A Xunta incorpora unha coidadora para Breixo, o alumno de Curtis con TEA, tras a mobilización da comunidade educativa

Días despois da concentración diante do IES de Curtis, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades notificou ao centro a asignación dunha coidadora para Breixo, un mozo de 15 anos con trastorno do espectro autista (TEA). Segundo trasladou a dirección á familia, a especialista incorporarse o vindeiro martes.
A resolución chega tras máis de mes e medio de curso no que o estudante non puido asistir ás aulas por carecer deste apoio, imprescindible, sinalan os proxenitores, para garantir a súa integración e seguridade. 'No instituto as portas están abertas e non podemos expor a un risco innecesario', argumentou días atrás o seu pai.
A Xunta atribuía a demora á 'falta de persoal nas listas', unha explicación que a Asociación de Nais e Pais (ANPA) rexeitou, ao tempo que convocou a protesta da pasada semana en respaldo a Breixo. A comunidade educativa celebraba hoxe o anuncio, mais advertía de que 'non debe repetirse unha espera así'.
Coa incorporación prevista para o martes, Educación dá por pechado un caso que reavivou o debate sobre a dotación de recursos específicos para o alumnado con necesidades educativas especiais e sobre os prazos de cobertura destas prazas.