A Xunta incorpora dúas novas paradas en San Vicente de Vigo para mellorar o transporte escolar

ACoruñaXa
Da liña de autobús que presta servizo aos estudantes do IES David Buján de Cambre
autobus-escolar-transporte-1
13 Feb 2025

A Xunta de Galicia ampliará a partir do vindeiro luns, 17 de febreiro, a liña de autobús que presta servizo aos estudantes do IES David Buján de Cambre, incorporando dúas novas paradas na parroquia de San Vicente de Vigo, no concello de Carral.

A liña que conecta Tabeaio co CIFP Universidade Laboral, en Culleredo, desviará o seu percorrido para incluír as paradas de Balbén e Taramuño, permitindo mellorar o acceso ao transporte público para os estudantes destas zonas. Esta modificación atende unha solicitude do Concello de Carral, que buscaba facilitar os desprazamentos dos usuarios ao instituto.

Como consecuencia desta ampliación, o horario do servizo da mañá axustarase para manter as horas de chegada aos destinos. O primeiro autobús sairá de Tabeaio ás 07.35 horas de luns a venres. Os servizos de regreso manterán a súa saída do CIFP Universidade Laboral ás 14.00 horas de luns a venres e ás 18.00 os luns. Ademais, para garantir a operatividade da liña, a primeira saída do día desde Culleredo adiantarase ás 06.40 horas.

Con esta medida, a Xunta reafirma o seu compromiso coa mellora da rede de transporte público por estrada e coa facilitación dos desprazamentos do alumnado en Galicia.

Unha petición veciñal

Ata o de agora, o autobús non pasaba por estes puntos da parroquia de San Vicente de Vigo, obrigando tanto aos veciños e veciñas como ás familias con fillos e fillas no IES David Buján a desprazarse a outras zonas para facer uso do servizo.

Para solucionar esta problemática e atender ás demandas veciñais, o goberno local solicitou unha modificación da ruta para que se incorporasen tamén estes dous puntos. O alcalde de Carral, Javier Gestal, celebra que "a Xunta de Galicia respondese e atendese á nosa solicitude, que partiu directamente dos veciños e veciñas".

0.1645450592041