A Xunta incluirá espazos de rehabilitación cardíaca nas ampliacións hospitalarias da Coruña e Ferrol

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou no Pleno do Parlamento, que as obras de ampliación dos hospitais da Coruña e de Ferrol prevén espazos específicos para a rehabilitación cardíaca. En resposta a unha pregunta parlamentaria, o conselleiro remarcou que os pacientes con cardiopatías das áreas sanitarias da Coruña e de Ferrol teñen asistencia sanitaria de calidade garantida.
Gómez Caamaño sinalou que a acción continua e as melloras constantes que está a poñer en marcha a Xunta nestas áreas para a atención a estes pacientes son notorias. En concreto, a área de Ferrol conta actualmente con 11 cardiólogos e o ano pasado realizáronse máis de 10.000 consultas presenciais desta especialidade.
Ademais, indicou, no 2023 creouse unha nova unidade de coidados intermedios e no pasado ano iniciouse un programa de detección de sarcopenia e desnutrición en pacientes hospitalizados por insuficiencia cardíaca.
Xunto ao anterior, o Goberno galego puxo en marcha nesta área o proxecto Vixía-Actúa, que inclúe novas ferramentas intelixentes na historia clínica, permitindo identificar de maneira rápida os pacientes que precisan unha intervención para acadar obxectivos de prevención secundaria.
Así mesmo, para os pacientes con insuficiencia cardíaca supuxo unha importante mellora a posta en marcha este ano dunha consulta cardio-renal, que está integrada por un nefrólogo, un cardiólogo e persoal de enfermería con formación específica.
Polo que atinxe á área sanitaria da Coruña, entre os avances no campo da cardioloxía o conselleiro puxo en valor que desde 2018 conta cunha sala de rehabilitación cardíaca pediátrica avanzada, axudando a cativos e adolescentes con cardiopatías conxénitas a mellorar a súa capacidade persoal. Para adultos dispón da unidade de manexo integral do paciente con insuficiencia cardíaca, que foi galardoada co premio á excelencia operativa na xestión sanitaria.
Tamén na área da Coruña se puxo en marcha o proxecto de dixitalización do proceso de transición á alta en insuficiencia cardíaca que permitiu aumentar o número de pacientes cunha transición axeitada, diminuíndo os tempos nos que se produce a primeira visita logo da alta, e, polo tanto, mellorando a calidade de vida destas persoas.
O hospital universitario coruñés conta tamén cunha unidade de insuficiencia cardíaca avanzada, que permite reducir a taxa de reingreso ata apenas o 5 %.
Para garantir a continuidade asistencial, púxose en marcha a lista de verificación Conecta 72, que posibilita ao persoal de enfermería dos centros de saúde contactar cos pacientes nos tres primeiros días logo da alta do hospital.
Respecto dos tempos de espera nestas dúas áreas para as consultas de cardioloxía, na de Ferrol o tempo medio de espera foi, ao peche do 2024, de 47 días, e na da Coruña de só 23,6. A media de España sitúase en 71 días, o que supón que un ferrolán agarda de media 24 días menos que a media do Estado e un coruñés 48 días menos.
No que atinxe ás intervencións cirúrxicas, o complexo hospitalario coruñés ten a espera máis baixa dos últimos 30 anos para operacións cardíacas. Realiza unha actividade moi intensa, con 1.000 intervencións cardíacas no pasado ano, o que o converte nun dos centros que realiza máis cirurxías cardíacas en toda España. Ademais, este centro sanitario é dos que máis transplantes de corazón realizan, 30 no pasado ano, que o sitúa como referencia.
A postura crítica do PSdeG que reclama servizos xa operativos
Durante a mesma sesión plenaria, o deputado socialista Julio Abalde instou á Xunta a poñer en marcha de inmediato unidades de rehabilitación cardíaca nos hospitais de Ferrol e A Coruña. Criticou que mentres outras cinco áreas sanitarias si dispoñen deste servizo esencial, os pacientes destas cidades se vexan obrigados a desprazarse a Lugo ou Santiago para recibir atención especializada.
Abalde cualificou de “inxustificable” esta situación, lembrando que Galicia presenta un dos índices máis altos de cardiopatías do Estado. Alertou de que os pacientes están “totalmente desprotexidos e abandonados polo Sergas” durante un proceso de recuperación longo e complexo, e que o Goberno autonómico está a vulnerar o principio de igualdade no acceso aos servizos sanitarios públicos. “Que diferenza hai entre un enfermo de Ferrol e outro de Ourense?”, preguntou ao conselleiro.
O parlamentario rematou sinalando a “alta incidencia” de infartos na área ferrolá, con preto de 500 casos anuais, e responsabilizou directamente á Consellería de Sanidade de non ter activado xa estes servizos imprescindibles.