A Xunta impulsa unha nova senda na estrada AC-542 ao seu paso por Ordes

A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto para construír unha nova senda peonil na estrada AC-542, ao seu paso polo concello de Ordes, cun investimento previsto de preto de 1,2 millóns de euros.
A cidadanía dispón dun prazo de 30 días hábiles para presentar alegacións ao proxecto. Ademais, tamén se somete a exposición pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados, xa que será necesario expropiar 27 predios, todos situados no termo municipal de Ordes.
O obxectivo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é aprobar o proxecto no outono, proceder á convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións antes de finais de ano e, a continuación, licitar as obras, que contan cun prazo estimado de execución de seis meses.
A actuación, que será executada pola Axencia Galega de Infraestruturas, contempla a creación dun novo itinerario peonil de 1.780 metros de lonxitude, dividido en dous tramos. O primeiro tramo comeza no punto quilométrico 19+600, aproveitando a senda existente na marxe dereita da estrada, e prolongarase ata a beirarrúa situada no punto 20+920. O segundo tramo discorrerá pola marxe esquerda, desde o punto 21+000 ata a glorieta que conecta coa N-550, no punto 21+380.
Este novo itinerario busca dar continuidade á senda xa executada entre Ordes e Carral, na AC-542, co fin de mellorar a conexión co Camiño Inglés e facilitar o acceso seguro ata a estrada N-550, á altura de Mesón do Vento.