A Xunta impulsa os produtos de proximidade coa colaboración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas

ACoruñaXa
Unha iniciativa que busca potenciar e aproveitar as potencialidades do agro
biosfera-corunha
4 Jul 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse co presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso, para avanzar nunha iniciativa de carácter autonómico que busca potenciar o consumo de produtos agroalimentarios galegos de proximidade e aproveitar as potencialidades do agro.

Durante a xuntanza, na que Santiso participou tamén como presidente da Asociación Galega de Grupos de Desenvolvemento Rural, a conselleira destacou que se promoverán novas estratexias orientadas a fomentar estas producións, sinalando que “o consumo destas elaboracións contribúe de xeito positivo ao desenvolvemento do medio rural galego, ao favorecer a creación de emprego e a fixación de poboación en contornas destas características”.

Gómez puxo en valor a aposta do Goberno galego por este tipo de políticas, lembrando campañas previas como as dedicadas aos produtos con indicativo de calidade, entre as que citou as máis recentes sobre a IXP Pataca de Galicia e a IXP Mel de Galicia.

Tamén fixo referencia á campaña Come Local, promovida pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, coa que se incentiva a presenza de produtos galegos de proximidade, ecolóxicos e con selo de calidade nos menús dos comedores escolares de toda a comunidade.

Neste sentido, a conselleira mencionou igualmente os mercados organizados pola Axencia con produtos certificados, que “favorecen os produtos de km0, impulsan as canles curtas de comercialización e o contacto directo entre produtores e consumidores”.

 

⚙ Configurar cookies
0.16476607322693