A Xunta impulsa o turismo rural en Vilasantar coa mellora na ruta do Batán de Mezonzo

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, visitou o municipio para comprobar as melloras realizadas na ruta do Batán de Mezonzo. As actuacións foron executadas o ano pasado ao abeiro da orde de axudas destinada a concellos galegos de menos de 10.000 habitantes, coa que a Xunta busca consolidar o turismo no rural galego e promover a diversificación turística do territorio.
As obras contaron cunha achega de 30.000 euros e incluíron a creación dun novo miradoiro de madeira de piñeiro, de 1,20 metros de ancho por 1,80 de longo. Tamén se levaron a cabo intervencións para garantir a seguridade, como a renovación das cubertas dos muíños, substituíndoas por tellados de madeira e tella con capa asfáltica para evitar filtracións. Melloráronse os accesos e substituíuse o antigo valado, feito con ramas e varas, por unha estrutura de estacas de madeira fixadas con zapatas de formigón, cunha extensión de 118 metros lineais.
Durante a visita, Belén do Campo destacou o papel fundamental do turismo rural na dinamización da economía local. “Estamos convencidos de que o turismo rural é clave para loitar contra a despoboación, xerar riqueza e manter vivas as tradicións e a cultura destas zonas”, sinalou.
A delegada animou aos alcaldes a solicitar a nova convocatoria de axudas, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes poderanse presentar desde mañá ás 12.00 horas a través da sede electrónica da Xunta. Cun orzamento total de 2 millóns de euros, a subvención poderá cubrir ata o 100 % do investimento, cun límite de 30.000 euros por proxecto.
Estas axudas están destinadas a actuacións como o embelecemento dos accesos a recursos turísticos, recuperación paisaxística, iluminación ornamental, creación de miradoiros, rutas de sendeirismo e adecuación de zonas de estacionamento. Tamén se inclúe a rehabilitación de bens de interese cultural, eliminación de cableado aéreo e melloras na sinalización turística. En materia de accesibilidade, as subvencións permitirán eliminar barreiras arquitectónicas e facilitar o acceso á información turística para persoas con discapacidade sensorial.