A Xunta impulsa en Xuxán a maior promoción de vivenda pública da Coruña con 264 novos fogares

ACoruñaXa
A licitación, cualificada de 'histórica' por María Martínez Allegue, mobiliza 51,5 millóns de euros e eleva a máis de 1.000 as vivendas públicas en marcha na cidade
A CORUÑA xunta vivendas xuxan
13 Mar 2026

A Xunta de Galicia vén de dar un novo paso na súa aposta pola vivenda pública na Coruña coa licitación, por 51,5 millóns de euros, da redacción do proxecto, a dirección de obra e a construción de 264 novas vivendas no barrio de Xuxán. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presentou este venres unha actuación que definiu como 'histórica' e que representa o maior investimento en vivenda pública realizado ata o momento na cidade.

A responsable autonómica puxo o foco no esforzo investidor que a Administración galega está a realizar para facilitar o acceso á vivenda, especialmente na Coruña, onde Xuxán se consolida como unha das grandes áreas de expansión residencial. Segundo explicou, esta nova promoción tramítase con fondos propios da Xunta mediante un procedemento conxunto que inclúe desde a redacción do proxecto ata a execución das obras, co obxectivo de acelerar os prazos.

Un dos aspectos máis relevantes desta licitación é a aposta decidida polas técnicas industrializadas de construción. Os pregos recollen como obrigatorio o uso deste sistema, ao considerar que permite reducir tempos de execución, mellorar a calidade das edificacións, avanzar en eficiencia e sustentabilidade e reforzar a seguridade laboral. Ademais, as propostas valorarán tamén o emprego da madeira. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 18 de maio.

Esta nova promoción súmase á licitada en xaneiro para outras 264 vivendas públicas tamén en Xuxán, un procedemento no que se recibiron 20 ofertas e que se atopa actualmente en fase de avaliación. Con ambos proxectos e co resto de actuacións previstas, a Xunta supera xa as 1.000 vivendas públicas en distintas fases de execución na Coruña, cun investimento global previsto de máis de 200 millóns de euros.

Dese conxunto, 962 vivendas levantaránse en solo propiedade da Xunta e outras 99 en parcelas cedidas polo Concello da Coruña. Nesta planificación inclúense tamén as tres promocións xa en obras en Xuxán para 104 vivendas, os 150 aloxamentos compartidos dirixidos a menores de 36 anos e os 168 fogares previstos en Elviña, destinados preferentemente á mocidade, para os que se convocou un concurso de ideas.

No acto, Allegue aproveitou tamén para reclamar ao Goberno central maior implicación en materia de vivenda e instouno a aprobar o Plan Estatal de Vivenda, pendente desde xaneiro e do que dependen varias liñas de axudas destinadas a facilitar o acceso a un fogar.

0.12162899971008