A Xunta impulsa as entidades veciñais da área metropolitana de A Coruña con case 74.000 euros

ACoruñaXa
Visita a Culleredo para comprobar as melloras en Castelo e Santo Estevo de Sueiro
CULLEREDO centro social
17 Oct 2025

A área metropolitana da Coruña reforza a súa rede comunitaria co apoio da Xunta a 10 entidades veciñais que executan 12 actuacións por un total de case 74.000 euros ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria 2025. A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou en Culleredo os locais das asociacións de Castelo e Santo Estevo de Sueiro para comprobar as obras e o novo equipamento.

No concello cullerdense, as dúas asociacións recibiron 30.850 euros:

  • Castelo substituíu fiestras, renovou calexas e baixantes para mellorar a drenaxe, realizou unha limpeza integral da cuberta e incorporou mobiliario, ordenador e televisor, cun investimento de máis de 15.000 euros.
  • Santo Estevo de Sueiro acometeu o acondicionamento dunha terraza, a climatización dunha sala ampliada e dotouse de cadeiras, mesas, librarías e material lúdico-deportivo grazas a unha achega de 15.674 euros.

Prieto salientou que estas intervencións dinamizan a vida de barrio, fortalecen o tecido asociativo e abren espazos mellor preparados para actividades culturais, formativas e de convivencia.

En clave provincial, A Coruña acumula neste exercicio 72 actuacións con 549.500 euros de investimento. No conxunto de Galicia, o plan medrou ata os 4 millóns (1 máis que en 2024), con case 400 colectivos beneficiados e 454 proxectos impulsados. A orde mantén dúas liñas: obras en locais sociais e melloras nas traídas de auga comunitarias e equipamento para o funcionamento das entidades. As axudas poden cubrir ata o 100 % do gasto, con 12.000 euros de tope en obras e 5.000 euros en equipamento.

⚙ Configurar cookies
0.070040941238403