A Xunta impulsa a rehabilitación de vivendas públicas no casco histórico da Coruña para alugar

ACoruñaXa
Na cidade xa están en marcha 210 fogares públicos grazas á renovación de inmobles dentro do programa Rexurbe
allegue-rexurbe-corunha
1 Jul 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou un inmoble situado na rúa San Andrés 88 no que darán comezo as obras de rehabilitación para crear catro vivendas destinadas a alugueiro accesible para persoas menores de 36 anos no casco histórico da Coruña. A visita estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

O Goberno galego investiu máis de medio millón de euros na adquisición deste inmoble, aos que se suman 1,3 millóns de euros destinados ás obras, alcanzando preto de 2 millóns de euros de fondos propios da Xunta para esta actuación.

Allegue explicou que na Coruña a Xunta conta con dous inmobles adquiridos no marco do Programa Rexurbe. Ademais do situado na rúa San Andrés 88, cuxa renovación comeza agora, tamén se comprou un edificio na rúa Santa María 6 para a creación de tres vivendas, que actualmente está na fase de redacción do proxecto.

Estas intervencións teñen como obxectivo “recuperar inmobles para cualificalos como vivendas públicas e poñelas en alugueiro accesible para as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda”, contribuíndo así a fixar poboación e actuar como “catalizador dos conxuntos históricos galegos”.

A conselleira destacou tamén o compromiso da Xunta coa cidadanía coruñesa, lembrando que na cidade xa están en marcha 210 fogares públicos grazas á renovación de inmobles dentro do programa Rexurbe, á construción de 104 vivendas de promoción pública en Xuxán, e ás 99 vivendas en solos cedidos polo Concello nos barrios dos Rosais, Rei Abdullah e Pedro Fernández.

Finalmente, María M. Allegue lembrou que, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, o Goberno autonómico prevé desenvolver solo no ámbito de Monte Mero para construír 4.310 vivendas, das que o 80 % serán protexidas.

⚙ Configurar cookies
0.1658148765564