A Xunta impulsa a modernización de 18 cooperativas agrogandeiras da provincia da Coruña

ACoruñaXa
A cooperativa agraria Foucellas é unha das beneficiarias con explotacións en Vilasantar, Oza-Cesuras e Mesía
corunha-medio-rural
18 Jun 2025

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería do Medio Rural, Nieves Mancebo, visitou esta semana as instalacións da cooperativa agraria Foucellas, situada no concello de Mesía. Esta sociedade é unha das beneficiarias das axudas do programa de utilización de maquinaria en común (CUMA), iniciativa coa que se busca impulsar a modernización e sostibilidade das explotacións agrogandeiras galegas.

Foucellas integra nove explotacións situadas en Mesía, Vilasantar e Oza-Cesuras, e agrupa un total de 1.693 cabezas de gando que producen 7.670.200 quilos de leite ao ano. En 2023, a cooperativa recibiu unha achega para adquirir un inxector de xurro, un carro mesturador e un sembrador de herba. No presente ano, obtivo unha nova axuda para a compra dunha grada rotativa.

Durante a visita, Belén do Campo destacou o esforzo da Administración galega para facilitar o acceso a este tipo de investimentos no sector primario. “No 2025 destináronse preto de 2,4 millóns de euros a un total de 34 entidades beneficiarias para a adquisición de maquinaria agrícola, e a elaboración dos honorarios dos técnicos encargados dos estudos técnicos-económicos de viabilidade do investimento”, sinalou. Na provincia da Coruña, máis de 1,3 millóns de euros foron destinados a 18 cooperativas, e só na comarca de Ordes distribuíronse máis de 238.000 euros entre unha cooperativa de Mesía e outras tres do concello de Tordoia.

As achegas, enmarcadas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e promovidas pola Consellería do Medio Rural desde o ano 2016, perseguen varios obxectivos. Entre eles, fomentar o uso compartido de maquinaria agropecuaria, introducir tecnoloxías avanzadas, reducir os custos de mecanización, mellorar a seguridade laboral, diminuír as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético. Todo isto, cunha finalidade clara: mellorar a calidade de vida no rural galego.

Estas axudas están dirixidas a cooperativas agrarias con sección de maquinaria, ás CUMAS, ás cooperativas de explotación comunitaria da terra con menos de cinco anos de antigüidade, ou ás sociedades agrarias de transformación xurdidas da fusión de dúas ou máis explotacións nos últimos cinco anos naturais.

Co respaldo público a iniciativas como Foucellas, a Xunta procura consolidar un modelo agrario baseado na eficiencia, a innovación e a cooperación, chave para garantir o futuro do rural galego.

 

⚙ Configurar cookies
0.17675518989563