A Xunta impulsa a creación dun novo Centro de Formación na Cidade das TIC da Coruña

A Xunta de Galicia deu un paso máis na posta en marcha dun novo Centro de Formación autonómico no complexo da Cidade das TIC da Coruña. O goberno galego adxudicou e asinou o contrato para a redacción do proxecto básico e de execución que permitirá rehabilitar os edificios da antiga Escola de Formación Profesional e a Clínica da Fábrica de Armas por un importe de preto de 150.000 euros.
Esta infraestrutura estará destinada á formación en novas ocupacións vinculadas á transición verde e dixital, atendendo ás demandas actuais do mercado laboral e aproveitando oportunidades económicas, sociais e ambientais. A execución material dos inmobles terá un custo aproximado de 3,5 millóns de euros.
A escola, con 2.258 metros cadrados, e a clínica, de 395 metros cadrados, son construcións de mediados do século XX que levan tempo sen uso, polo que será necesaria a súa adaptación aos estándares actuais en ámbitos construtivos, enerxéticos, medioambientais e de accesibilidade.
O proxecto prevé que a planta baixa da escola conte cunha zona de recepción, catro espazos formativos con capacidade para 30 persoas cada un, un espazo de innovación de 100 metros cadrados, un salón de actos de 200 metros cadrados, aseos e almacéns. O andar superior incluirá outros catro espazos formativos, un novo espazo de innovación, zonas de administración e dirección, e espazos de ocio e descanso.
Na antiga clínica, a rehabilitación incluirá vestíbulo, dúas salas de reunións, catro postos de traballo individuais, aseos públicos e almacén. Todos os proxectos respectarán as fachadas orixinais para manter a estética histórica e garantirán eficiencia enerxética, climatización e alta conectividade tecnolóxica.