A Xunta impulsa 14 novas vivendas públicas no barrio coruñés de Xuxán

ACoruñaXa
Un novo edificio que se suma aos 144 fogares que a Xunta ten previstos en Xuxán, dos que 104 están en construción
xuxan-corunha
24 Apr 2025

A Xunta de Galicia vén de iniciar a construción dun novo edificio de promoción pública no barrio de Xuxán, na Coruña, que acollerá un total de 14 vivendas. O proxecto, cun investimento de 3,3 millóns de euros, está financiado nun 80 % con fondos propios da administración autonómica.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou a parcela onde xa deron comezo as obras, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto. Durante a visita, Allegue destacou que este novo edificio se suma aos 144 fogares que a Xunta ten previstos en Xuxán, dos que 104 xa están actualmente en construción.

O inmoble, de dúas plantas, contará con vivendas de dous dormitorios e superficies útiles que van dos 65,83 aos 79,52 metros cadrados. Segundo indicou a conselleira, un mínimo do 40% das vivendas reservarase para alugueiro accesible dirixido a menores de 36 anos.

“A participación do sector nas licitacións da Xunta está a ser clave para avanzar cara ao obxectivo de duplicar o parque residencial protexido nesta lexislatura e acadar as 4.000 novas vivendas”, explicou Allegue, quen lembrou que xa están en marcha máis de 2.000 en distintas fases de execución.

Ademais, a titular de Vivenda anunciou que a cesión de catro novas parcelas de titularidade municipal permitirá a construción doutros 100 fogares en Xuxán. Tamén puxo en valor a colaboración institucional como ferramenta esencial para facilitar o acceso á vivenda da cidadanía, e lembrou que a Xunta ten solicitada a modificación do PXOM para cambiar o uso de dúas parcelas de oficina a residencial, co obxectivo de construír ata 500 vivendas máis.

Nun plano máis amplo, Allegue referiuse ao Proxecto de Interese Autonómico no ámbito de Monte Mero, onde se prevé o desenvolvemento de 4.310 vivendas, das cales o 80 % serán protexidas, dentro da Estratexia Galega de Solo Residencial.

No campo da rehabilitación urbana, a conselleira avanzou que nos próximos días resolverase a licitación para recuperar un edificio na rúa San Andrés, no que se habilitarán catro vivendas. Tamén se está redactando o proxecto de renovación dun inmoble na rúa Santa María, que permitirá engadir tres fogares máis ao parque residencial público da cidade.

 

⚙ Configurar cookies
0.12703394889832