A Xunta garante máis de 1,6 millóns de euros para manter as 18 casas niño da provincia da Coruña ata 2028

ACoruñaXa
Belén do Campo visitou en Aranga a casa niño 'Tartaruga' e puxo en valor un servizo gratuíto que facilita a conciliación no rural e axuda a fixar poboación
ARANGA casa niño
28 Jan 2026

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, anunciou que o Goberno galego reserva máis de 1,6 millóns de euros para asegurar a continuidade das 18 casas niño da provincia da Coruña no período 2025-2028. Fíxoo durante unha visita á casa niño 'Tartaruga', en Aranga, xunto co alcalde, Alberto Platas, onde destacou o balance dun recurso que Galicia comezou a implantar hai unha década e que, segundo sinalou, está a ser replicado noutras comunidades.

Do Campo subliñou que estas instalacións aportan vantaxes directas aos concellos rurais, ao ofrecer alternativas reais de conciliación da vida persoal e laboral e facer máis atractiva a residencia en municipios pequenos. A maiores, incidiu en que tamén xeran emprego a través das persoas profesionais que os xestionan, e defendeu a necesidade de contar con 'servizos de primeira categoría' en todo o territorio.

Na comarca de Betanzos, Galicia pechou o ano con cinco casas niño situadas en Irixoa, Vilasantar, Aranga, Paderne e Vilarmaior. En conxunto, ofrecen 25 prazas e contaron cunha axuda total de case 410.000 euros. No global provincial, as 18 casas niño suman 90 prazas e dispoñen dun orzamento de funcionamento superior a 1,6 millóns de euros, a través dunha orde de axudas plurianual xa resolta para o período 2025-2028.

A delegada lembrou que, en toda Galicia, hai máis de 100 casas niño en servizo, con máis de 500 prazas gratuítas para nenos e nenas de 3 meses a 3 anos e un orzamento de 10,5 millóns de euros. Ademais, as axudas incorporan unha achega complementaria de 150 euros semanais durante o tempo que dure a baixa por maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo.

Segundo explicou a Xunta, as subvencións tamén poden empregarse para renovar equipamento (cunha achega adicional de 1.500 euros), mercar material didáctico e de xogo, ou acometer obras de reforma, mantemento e melloras de eficiencia enerxética. Nesta convocatoria incluíuse tamén un incremento de case o 5% para os centros con máis de tres anos de funcionamento, elevando ata 29.000 euros a contía anual para axudar a asumir gastos como a suba da luz ou das pólizas de seguro.

Cada casa niño atende un máximo de cinco menores, con atención diúrna gratuíta de luns a venres e cun modelo flexible, pero con requisitos de formación ou experiencia profesional e condicións de seguridade nos inmobles. A medida enmárcase no paquete de políticas de apoio ás familias, xunto coa gratuidade das escolas infantís, a tarxeta benvida ou o Bono Concilia Familia.

⚙ Configurar cookies
0.088080883026123