A Xunta financia un proxecto para mellorar a accesibilidade do porto de Sada

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro confirmou o apoio da Xunta a un proxecto do Club Náutico de Sada que mellorará a accesibilidade do porto coruñés. A iniciativa, enmarcada nas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), prevé a construción dun novo polipantalán accesible na contorna da antiga Nave de Redes, hoxe punto neurálxico da actividade náutica e social do municipio.
Segundo explicou a directora xeral, Ángeles V. Suárez, a actuación permitirá adaptar a infraestrutura portuaria cun acceso seguro, cómodo e inclusivo, aliñado cos principios de sostibilidade e integración social. O equipamento contará con subministración fotovoltaica conectada á sede social do club e empregarase material ecolóxico de alta durabilidade, co obxectivo de reducir a pegada ambiental e garantir o bo estado das instalacións a longo prazo.
A achega autonómica supera os 160.000 euros e busca convertir Sada nun referente de náutica sostible e accesible, favorecendo o turismo náutico e a práctica deportiva en colectivos vulnerables, ademais de fomentar o coñecemento e respecto polo medio mariño e o patrimonio marítimo. A responsable autonómica salientou, así mesmo, o impacto destas liñas de axuda no conxunto das comunidades costeiras: a convocatoria deste ano mobiliza 9,7 millóns de euros destinados a 160 proxectos en toda Galicia.