A Xunta financia con 60.000 euros a mellora enerxética do campo de fútbol de Vizoño en Abegondo

ACoruñaXa
O recinto deportivo renova a iluminación con proxectores LED e incorpora un sistema de auga quente por aerotermia, nun proxecto cofinanciado a través do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local
ABEGONDO mejoras campo futbol
10 Dec 2025

A Xunta de Galicia impulsa a mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Vizoño, en Abegondo, cun investimento de 60.000 euros procedente do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. A delegada territorial, Belén do Campo, visitou o municipio para coñecer de primeira man as actuacións realizadas, acompañada polo alcalde, José Antonio Santiso.

A achega autonómica, que supón o máximo previsto por concello nesta convocatoria, está destinada a obras de aforro e mellora enerxética en instalacións municipais de concellos de menos de 15.000 habitantes. No caso de Abegondo centrouse nun proxecto integral de actualización do campo de fútbol de Vizoño, con dous eixes principais: a renovación completa da iluminación e a modernización do sistema de produción de Auga Quente Sanitaria.

Segundo explicou Belén do Campo, a iluminación existente fora instalada hai décadas e presentaba importantes carencias tanto en intensidade como en uniformidade, o que condicionaba o desenvolvemento das actividades deportivas. Para poñer fin a esta situación, substituíronse as antigas lámpadas de halogenuros metálicos por proxectores LED de alto rendemento, que proporcionan unha iluminación máis homoxénea cun menor consumo eléctrico.

O proxecto prevé a instalación de cinco proxectores LED en cada unha das catro torres de luz do campo (tres de 600 W e dous de 900 W por torre). A potencia total instalada será inferior á anterior (na que se empregaban catro lámpadas de 2.000 W en cada columna), pero logrando un nivel lumínico sensiblemente superior. Ademais, renovouse parte do cableado e implantouse un sistema de control a distancia da iluminación, que permitirá axustar horarios e usos de forma máis eficiente.

A segunda liña de actuación desenvólvese no edificio deportivo principal, que conta con dous vestiarios con 12 duchas e outro para árbitros con 2 duchas. Alí instalouse un novo sistema de produción de auga quente baseado en enerxía aerotérmica, unha tecnoloxía renovable de alta eficiencia que reducirá tanto o consumo enerxético como as emisións de CO₂.

A intervención inclúe unha bomba de calor de última xeración capaz de acadar 75 ºC de impulsión, novas canalizacións hidráulicas e tubaxes, unha bomba de circulación de control electrónico, un depósito de acumulación de 1.500 litros con intercambiador específico para bomba de calor, así como válvulas, filtros, vasos de expansión, cadro eléctrico renovado e un sistema avanzado de control da instalación. Grazas á aerotermia, o novo equipamento cubrirá o 100 % da demanda de auga quente dos vestiarios do campo de Vizoño.

Desde o Concello de Abegondo salientan que estas melloras permiten ofrecer un servizo de maior calidade á veciñanza e avanzar cara a unha xestión máis eficiente, sostible e respectuosa co medio ambiente. Pola súa banda, Belén do Campo puxo en valor a colaboración entre a Xunta e os concellos para executar proxectos que, especialmente nos municipios máis pequenos, serían moito máis difíciles de acometer en solitario.

⚙ Configurar cookies
0.078630924224854