A Xunta executa labores de mantemento no río Mero con actuacións en máis de 9,7 quilómetros en Cambre

ACoruñaXa
Os traballos, con tres semanas de duración aproximada, abranguen tramos do Santa Lucía en sete parroquias e inclúen a retirada de árbores caídas para evitar atoamentos
CAMBRE limpieza rio
8 Nov 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, ten en marcha unha intervención de conservación e mantemento fluvial ao longo de máis de 9,7 quilómetros no río Mero, no concello de Cambre. As tarefas, xa comunicadas ao Concello, estenderanse arredor de tres semanas.

As actuacións céntranse en varios treitos do río Santa Lucía ao seu paso polas parroquias de San Xoán de Anceis, Santa María de Cambre, Santiago de Sigrás, San Paio de Brexo, San Xulián de Cela, San Cibrán de Bribes e San Salvador de Cecebre. O operativo consiste principalmente na retirada de árbores caídas e maleza na canle para previr atoamentos e favorecer a circulación da auga.

Para estes traballos empregarase ferramenta manual (motoserras, rozadoiras) e maquinaria de apoio, como un tractor, co obxectivo de deixar os treitos intervidos despexados e en condicións óptimas. As accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico nas bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

Segundo a Xunta, a finalidade última é mellorar os leitos fluviais e favorecer o bo estado do ecosistema, actuando nos ámbitos de competencia autonómica e fóra das tramas urbanas, que son de responsabilidade municipal.

⚙ Configurar cookies
0.070662975311279