A Xunta esixe solucións para os cooperativistas de Xuxán afectados polos créditos ICO

ACoruñaXa
Urxen ao Instituto de Crédito Oficial a modificar as condicións de financiamento para a construción de vivendas destinadas a alugueiro
xuxan-pp
Xuxán, A Coruña
14 May 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o secretario xeral de Vivenda, Heriberto García Porto, mantiveron esta tarde en San Caetano unha reunión con socios da cooperativa Galivivenda que están a padecer unha “situación insólita e inaceptable”, posto que estes deben asumir uns custes, non acordados, derivados das modificacións nas condicións de financiamento para acceder aos préstamos ICO do Estado.

Trátase de axudas comprometidas polo Goberno central para a promoción de vivendas en réxime de alugueiro accesible. A Xunta contactou co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana para que coordinase una xuntanza co Instituto de Crédito Oficial e a semana pasada a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tamén remitiu unha carta á ministra solicitando unha reunión urxente para abordar este asunto.

“Son máis de 250 as familias afectadas ás que o Ministerio debe unha explicación e non temos ningunha resposta”, lamentou a titular de Vivenda. “A Xunta non vai permitir este tipo de desmáns -engadiu-. O compromiso deste Executivo cos afectados é firme e cooperaremos e colaboraremos en todo canto estea nas nosas mans”.

Allegue urxe ao ICO a modificar as condicións de financiamento para a construción de vivendas para alugueiro, a fin de que este tipo de actuacións non queden gravemente comprometidas e agradeceu “o ton cordial e construtivo” dos afectados en todos os contactos coa Xunta.

Por último, confirmou que a Xunta enviará hoxe mesmo outra carta á ministra reiterando a convocatoria dunha reunión, ao tempo que solicitará información detallada sobre as operacións levadas adiante ata o momento a través dos préstamos ICO, "porque Galicia non obtivo nin un só euro deste programa que conta con fondos europeos, 4.000 millóns de euros Next Generation, e outros 2.000 millóns máis de fondos estatais, para a construción de vivenda pública, e dos que queremos ter as contas claras”.

⚙ Configurar cookies
0.15581583976746