A Xunta entrega material ao ximnasio coruñés Fight Factory no marco do apoio ao boxeo galego

O ximnasio Fight Factory, situado no polígono da Grela na Coruña, vén de recibir novo material deportivo por parte da Federación Galega de Boxeo, nun acto que contou coa presenza do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. A entrega inclúe un cento de cascos de competición e medio cento de cascos de adestramento, enmarcándose na dotación de equipamento que a federación está a realizar entre os clubs galegos.
Durante o acto, o conselleiro destacou o bo momento que vive o boxeo en Galicia e recoñeceu o labor da federación e do seu presidente, Manuel Planas, “tamén campión mundial e europeo de kick boxing”, sinalou.
Calvo aproveitou a ocasión para lembrar que a Xunta mantén un compromiso firme co desenvolvemento deste deporte, cun investimento de máis de 107.400 euros neste ano. Dentro desta contía, inclúese un convenio específico con Federación Galega de Boxeo por valor de 40.000 euros, no que “destaca o apoio á formación de técnicos de boxeo adaptado”, indicou.
Desde a administración autonómica resaltan que este tipo de iniciativas buscan reforzar a práctica deportiva en Galicia, garantir a seguridade nos adestramentos e competicións e fomentar a inclusión a través do deporte.