A Xunta encargará por preto de 100.000 euros o proxecto para 14 vivendas públicas en Vilarrodís, Arteixo

A Xunta de Galicia avanzou un novo paso para impulsar vivenda pública en Arteixo coa contratación do proxecto dun edificio de 14 vivendas de promoción pública en Vilarrodís. A actuación localizarase na parcela UA-43 P11, na rúa Aguceira, un solo cedido polo Concello de Arteixo no marco da colaboración entre a Administración autonómica e os municipios para dispoñer de máis terreos destinados a este tipo de promocións.
O Consello de Administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, presidido pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, autorizou a adxudicación do contrato á UTE Sabín Blanco (Ameneiros Rey Agriños). O importe previsto para a redacción dos proxectos básico e de execución, xunto coa dirección de obra, ascende a 99.495 euros.
Segundo a información facilitada, o investimento estimado para as futuras obras desta promoción rolda os 2,7 millóns. A Xunta lembra que Arteixo figura entre os 14 concellos galegos que xa cederon parcelas ao longo desta lexislatura para facilitar a construción de vivenda pública.
A iniciativa enmárcase no compromiso autonómico de duplicar o parque público ata acadar as 8.000 vivendas. A Xunta sinala que hai máis de 3.000 vivendas en marcha en distintas fases de execución e que ao longo de 2026 se prevé impulsar outras 1.000. Ademais, do conxunto das novas vivendas, a Administración autonómica indica que, como mínimo, o 40% das que se destinen a alugueiro e o 25% das que se poñan á venda reservaranse para menores de 36 anos co obxectivo de facilitar o acceso da mocidade á vivenda.