A Xunta e os concellos afectados polos ataques do lobo pedirán ao TSXG que levante a suspensión das medidas de control

ACoruñaXa
A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse con representantes de Ferrol e Curtis e anuncia que remitirá á Xustiza denuncias veciñais e documentos municipais ante o aumento de avisos e o impacto nas explotacións gandeiras
CURTIS xunta lobo
27 Jan 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou que a Xunta de Galicia e os concellos que veñen alertando dun repunte de ataques do lobo solicitarán ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que levante a suspensión das medidas de control desta especie.

Vázquez mantivo unha xuntanza co alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e coa concelleira de Mobilidade e Seguridade, María do Carme Pieltain, no marco dunha serie de contactos con municipios que aseguran estar a rexistrar unha escalada de avisos. Segundo trasladaron, a situación afecta tanto á viabilidade das explotacións gandeiras como á vida cotiá da cidadanía, ao producirse incidencias cada vez máis preto de núcleos habitados.

A Consellería informou de que remitirá ao TSXG os documentos enviados polos concellos de Curtis e Cerdedo-Cotobade, nos que se detallan os avisos rexistrados nos seus termos municipais. Ademais, incorporará o escrito presentado pola Asociación de veciños de Viladóniga-Vilasanche, en Ferrol, no que se recolle a preocupación da veciñanza.

O departamento autonómico solicitará así o levantamento da suspensión da resolución que fixa as medidas de control por danos causados polo lobo. A Xunta lembra que, tras a saída do lobo ao norte do Douro do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial en marzo de 2025, retomou o plan de xestión que estaba vixente ata 2021 e que prevé actuacións en supostos moi concretos.

Mentres, o Goberno galego continúa pendente de que a Xustiza se pronuncie sobre o recurso presentado contra o auto que paralizou a aplicación do plan e impide autorizar medidas de control.

⚙ Configurar cookies
0.050514936447144