A Xunta e o sector marisqueiro acordan medidas para optimizar a campaña de Nadal na ría de Ares-Betanzos
A Consellería do Mar, a través da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, mantivo unha xuntanza cos representantes das confrarías da ría de Ares-Betanzos para abordar a situación dos bancos de libre marisqueo, tras as mostraxes realizadas polos técnicos do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). O encontro, enmarcado no modelo de cogobernanza pesqueira, tiña como obxectivo analizar a evolución do stock marisqueiro e acordar medidas de xestión de cara á campaña de Nadal.
A reunión concluíu coa decisión de non traballar no banco marisqueiro de Ares durante toda a campaña, co obxectivo de favorecer a súa recuperación. No caso do banco de Sada, decidiuse comezar a extracción a inicios de decembro e prolongar os traballos ata a primeira semana de xaneiro, momento en que se revisarán os resultados e se valorarán novas accións.
Ademais, acordáronse topes de extracción para as tres especies que amosaron ter stock comercial suficiente: ameixa babosa (6 quilos por tripulante e día), ameixa rubia (4 quilos) e ameixa cornicha (30 quilos). Tamén se establecerá un punto de control e as medidas adoptadas entrarán en vigor a vindeira semana, dando tempo ás embarcacións que xa estaban traballando nestas zonas a adaptarse ás novas restricións.
Estas accións buscan optimizar o valor económico dos recursos durante a campaña de Nadal, mellorando a rendibilidade do sector marisqueiro e garantindo a sustentabilidade dos bancos marisqueiros da ría de Ares-Betanzos.