A Xunta e o Concello de Curtis avanzan na recuperación e mobilización de terras no municipio

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, mantivo unha reunión coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, para analizar os avances nos proxectos de recuperación e mobilización de terras que se están a desenvolver no concello.
Durante o encontro, avaliouse o estado dos distintos instrumentos de mobilización de terras en marcha no municipio, que abarcan unha superficie de preto de 3.340 hectáreas. Estas actuacións forman parte da estratexia da Xunta de Galicia para a posta en valor de terreos infrautilizados, promovendo o seu aproveitamento sustentable e contribuíndo ao desenvolvemento do medio rural.
O alcalde de Curtis e a directora xeral destacaron a importancia destas iniciativas para favorecer a actividade agraria, evitar o abandono de terras e dinamizar a economía local. Neste sentido, ambas as dúas administracións reiteraron o seu compromiso de seguir traballando conxuntamente para facilitar a recuperación produtiva do territorio e impulsar proxectos que favorezan a fixación de poboación no rural.